04/03/2023

XUNTANZA DE TITORES E PSICÓLOGOS INTERNOS RESIDENTES DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA 2023

Santiago de Compostela, 27 de Xaneiro de 2023


O pasado 27 de Xaneiro celebrouse no Hospital Universitario de Santiago a primeira xuntanza de titores e psicólogos internos residentes da Comunidade Autónoma de Galicia, contando con representantes de todas as áreas e baixo o amparo da Asociación Galega de Psicólogos Internos Residentes e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. 

Xa facía tempo que dende AGAPIR se viña reclamando a realización dunha reunión destas características. Era imperativo un espazo de encontro e intercambio no que debatir acerca da situación actual da formación PIR nas distintas áreas da comunidade. Unha meta moi acorde ao espírito da asociación, pero tamén necesaria para enriquecer e homoxeneizar os recursos que se están a empregar para instruir aos futuros psicólogos clínicos de Galicia. Un espazo que se desenvolve nun momento crítico para a residencia PIR, tanto polo incremento da presión asistencial e das necesidades da poboación destinataria, como polo aumento das prazas formativas que se ofertarán na contorna. A xuntanza partiu, precisamente, dunha contextualización da situación presente e dos retos aos que se enfronta a atención pública en Saúde Mental na comunidade. 

O presidente de AGAPIR, Anxo Fernández, puxo na palestra o cambio de paradigma ao que asistimos nos últimos anos, motivado por una demanda social modificada, novidosa, que esixe unha resposta rápida por parte dos servizos públicos. ¿En qué dirección debe ir a resposta ofrecida polos profesionais da saúde mental e dos xestores que nos lideran? ¿Cómo podemos axustarnos de maneira produtiva ás esixencias dunha sociedade que demanda máis recursos, de maior calidade e de distinta natureza? ¿Cal debe ser o papel dos residentes e dos titores neste momento de cambio e como pode responder a residencia PIR a estas demandas? 

Javier Sardiña, reputado psicólogo clínico e titor PIR na área sanitaria da Coruña, aportou a visión dende o outro lado da mesa: o daqueles profesionais que cada día se esforzan por formar a outros profesionais. Unha intervención que comezou por poñer marco á situación actual e refrescar o devir histórico que levou á consolidación da actual residencia PIR. Tamén, un repaso da creación e consolidación da Especialidade de Psicoloxía Clínica, dende as primeiras xeracións, e como as actuáis condicións socioeconómicas modifican o papel que debe ter na sociedade do momento. A evolución das prazas e da especialidade ten que ver coas necesidades do sistema público e boa parte da precariedade xorde da falta de planificación e xestión. Un sistema que se enfrontou de golpe á xubilación masiva de profesionais e á demanda asistencial propiciada pola crise económica e sanitaria e o cambio de mentalidade dunha sociedade cada vez máis reivindicativa e preocupada pola súa saúde mental. Unha intervención na que tampoco faltou a autocrítica: o progresivo deixe e abandono de iniciativas asociacionistas e do espírito colaborativo dos residentes e titores, e o illamento progresivo de cada profesional no seu nicho laboral. Novos retos aos que se unen a creación de novas especialidades de Psicoloxía Clínca e a necesidade de dar resposta a un maior número de residentes por área. ¿Somos quen de garantizar unha formación equitativa, xa non só a nivel nacional, senón na comunidade galega? Unha actualización na que tamén se requerirá maior flexibilidade para adaptarse ás necesidades do residente (non debemos esquecer a enorme diversidade que aquí nos atopamos). Unha formación que, en opinión do noso experto, aproba con nota na área de Galicia, pero que non está exenta de melloras.

A integrante e representante de AGAPIR, Leire Meabe, aportou datos de primeira man acerca de como os residentes galegos valoramos a calidade da nosa formación e dos recursos cos que conta cada área sanitaria para ofrecer resposta ás nosas necesidades. A presentación do seu póster aportou unha visión clara e concisa da situación actual vista dende os ollos dos residentes galegos, particularmente no tocante á tutorización e supervisión que reciben dos seus adxuntos. En xeral, a tutorización é ben valorada nas distintas áreas, destacando a dispoñibilidade e accesibilidade dos titores e a súa experiencia e veteranía. Como campos de mellora, suxírise maior feedback e coordinación entre os adxuntos nos momentos finais da rotación e na forma en que se avalía á persoa; maiores esforzos para fomentar a investigación; mellorar a coordinación na docencia cando o tutor non desenvolva o seu traballo no mesmo espazo que o residente e unha promoción da supervisión de casos clínicos. 

Neste marco xurdiron importantes debates nos que tanto titores como residentes tomaron parte activa. Cobrou especial relevancia o tema da avaliación do residente e a necesidade de incluir formas de puntuación máis flexibles e discriminativas. Tamén, que esta avaliación se realice de maneira menos protocolizada, cun modelo que inclúa aspectos cauntitativos e cualitativos e nos que se diferencien as cualidades aptitudinais das actitudinais do avaliado.  Faise necesaria unha maior coordinación entre os titores e os adxuntos a cargo de cada rotación, tanto na avaliación final como no transcurso da mesma, a fin de conseguir unha boa retroalimentación e feedback ao residente sobre as habilidades susceptibles de mellora. Outro punto importante foi o tema da investigación e da labor que exercen os titores na promoción destas actividades, unha cuestión que, dende un punto de vista crítico, non xorde só da carencia de recursos senón na falta de proactividade dos implicados. ¿Debería ser unha actividade promovida e dirixida polos adxuntos ou debería deixarse á iniciativa e xuizo do residente?

A xornada proseguiu coa intervención dos residentes representantes de cada área sanitaria, con dous focos princioais de intervención e debate: as tardes de atención continuada e a docencia obrigatoria. 

E quizáis nesta parte onde o intercambio de información foi máis enriquecedor. Quedou patente a enorme disparidade entre áreas na maneira de xestionar estes aspectos da formación, unha disparidade que ata certo punto non pode nin debe ser xustificada e que nos fai cuestionar o carácter equitativo da formación e a igualdade de oportunidades. 

A heteroxeneidade na atención continuada viuse tanto no número de tardes traballadas ao mes, como no contido e variedade de tarefas realizadas. A nivel xeral as atención continuada serve para amplificar o contido das rotacións e profundizar na labor de supervisión exercida polos adxuntos e titores. Destaca a variedade de programas de intervención e avaliación psicolóxica, tanto a nivel individual como grupal. Tamén xoga un papel importante o seguemento de pacientes a título individual por parte do residente. A investigación, pola súa banda, ten un papel moi secundario e atópase prácticamente ausente no contexto da atención continuada. É evidente a necesidade de variar o número de programas de intervención desenvueltos nas áreas, especialmente naquelas onde estas iniciativas son máis pobres, así como completar e mellorar os programas que xa están vixentes pero que non funcionan con todo o seu potencial. 

No tocante á docencia, a situación é semellante en termos de disparidade. Un factor importante é a relación coas outras especialidades en saúde mental, quedando patentes os beneficios dunha docencia conxunta cos residentes de psiquiatría ou enfermería de saúde mental. Neste sentido, a inclusión de sesión docentes multidisciplinares plantéxase como un dos grandes obxectivos a conseguir naquelas áreas onde a calidade docente se resinte un pouco máis, sendo conscientes de que a calidade da formación non pode depender tanto da boa acción e iniciativa de cada adxunto, como dunha obriga formal na maneira de protocolizar a docencia. 

Como conclusións e peche da xornada, o presidente de AGAPIR e o titor residente Javier Sardiña coinciden nos beneficios e urxencia de programar novas sesións conxuntas a nivel autonómico, e de seguir promocionando espazos nos que poñer en conxunto a calidade da docencia e da formación PIR. Plantexámonos, dende este marco, a realización de xuntanzas anuais semellantes á presente, coa fin de correxir e afianzar as melloras e dar resposta ás preguntas plantexadas nesta data. Obxectivos que se traducen, tamén, nunha potenciación do espírito asociativo e nunha maior coordinación con outras organizacións como ANPIR. Neste marco, anímase a titores e a residentes a reflexionar activamente sobre as carencias de cada área e sobre os puntos fortes que poden ser exportados ás áreas veciñas, a fin de promover a aprendizaxe e crear unha situación equitativa no nivel de formación, xa non a nivel nacional, senón polo menos a nivel de Galicia. Unha tarefa pendente que requerirá a nosa atención e os nosos esforzos nos vindeiros anos, agora que o número de residentes é maior e agora que a Psicoloxía Clínica está no centro do debate e a atención social. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario