O día 16 de maio de 2025 celebrouse en Santiago de Compostela a III Xuntanza de Titores e Psicólogos Internos Residentes (PIRes) das distintas áreas sanitarias da Comunidade Autónoma de Galicia. Como xa é habitual, a organización do evento veu da man da Asociación Galega de Psicólogos Internos Residentes (AGAPIR) e do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), coa colaboración da Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas (APCS).
Este ano, o obxectivo principal desta xuntanza foi coñecer o estado actual da investigación dentro do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), así como fomentar a análise e reflexión conxunta sobre as oportunidades, dificultades e liñas de mellora neste ámbito.
Anxo Fernández Villar, vicepresidente de AGAPIR, foi o encargado de inaugurar a xornada facendo énfase na importancia de achegar posturas entre a práctica clínica e a investigación, aspecto clave para seguir mellorando a atención. Recalcou o papel activo que deben ter os titores das distintas áreas á hora de motivar os residentes para comezar no eido da investigación, sen esquecer que estas xornadas tamén son unha oportunidade para que os titores expoñan dificultades/aspectos a mellorar que faciliten que eles mesmos se embarquen neses proxectos.
Como representante de titores, foi Javier Sardiña o encargado de dar a benvida. Resaltou de novo a importancia de reactivar a investigación e enxalzou este encontro como oportunidade para debater sobre estas cuestións.
Durante a mañá, tres profesionais de distintas áreas sanitarias foron os encargados de transmitir a súa experiencia na investigación dentro do SERGAS.
Comezou Cristina González Freire, dando a coñecer o proxecto polo cal o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia lle concedeu a Beca Siota: “Despatoloxizando e desmedicalizando os malestares das mulleres. Terapia de grupo con mulleres con desordes emocionais en Atención Primaria”. Ao final da exposición ábrese unha rolda de preguntas na que se dialoga sobre as dificultades que xorden á hora de iniciar unha investigación. Sinálase como principal barreira toda a xestión burocrática que se precisa, polo que se propón como idea para facilitar isto que os adxuntos de cada área sanitaria soliciten permiso para crear unha base de datos co obxectivo de que isto incentive a iniciar investigacións por parte dos residentes.
A continuación, José Luis Rodríguez Arias propón unha dinámica na que se lle trasladen dúbidas e curiosidades sobre a súa traxectoria no eido da investigación. Expón cuestións clave como responder primeiro ás preguntas de “que queremos investigar e para que” e “como vou facer iso”. Resalta a evidencia da psicoterapia como punto de partida para continuar comprometidos coa investigación, animando a iniciala dada a facilidade de acceso a unha gran cantidade de datos que temos.
Por outra banda, e respondendo á elevada lista de espera que hai para ter unha primeira consulta de psicoloxía clínica no SERGAS, comparte criterios que a él lle axudaron na súa práctica clínica para aliviar as listas de espera.
Por último, foi Manolo Castro Bouzas o encargado de realizar a última poñencia titulada “Articulación dunha tese dende a práctica clínica no ámbito público”. Nela, foi debullando todos os aspectos que debemos ter en conta á hora de empezar nun proxecto así: que supón iniciar unha tese e o grao de implicación que supón, quen pode optar a facela, aspectos a ter en conta á hora de escoller o tema, papel clave do/a director/a da tese, plans de investigación, aspectos burocráticos, características dunha tese de doutoramento nun entorno clínico... Sinalaba que para el o importante de abordar este tema era que se parta dunha información axustada á realidade se se decide comezar unha tese de doutoramento.
Péchase a xornada cun diálogo sobre o falado e sobre o estado da investigación en cada área sanitaria. Ábrese un vello debate sobre a obrigatoriedade ou non do Traballo de Fin de Residencia —obrigatorio na actualidade só nas áreas sanitarias de Santiago de Compostela e Lugo—. A raíz disto, faise un resumo dos recursos cos que contamos dentro do hospital que nos poden axudar.
Como reflexión final, sitúase a investigación como materia pendente para os titores e a idea de que se comprometan a iniciar os trámites burocráticos para incentivar aos residentes.